21/12/2020
Próximas xa as datas das vacacións de Nadal, dende a equipa decanal queremos saudarvos moi especialmente neste dificilísimo ano 2020 no que, inesperadamente, tivemos que enfrontarnos a retos nunca antes vistos na Facultade.
Durante o segundo cuadrimestre do curso 19/20 foi preciso adoptar decisións sen precedentes, incluído o peche das actividades académicas presenciais na Facultade (que uns días despois se estendería a toda a UDC), a correspondente reorganización de todo tipo de actividades e procedementos, inéditos, que houbo que deseñar e implantar sobre a marcha... Vivimos durante meses nun escenario de grande impredicibilidade no que, as cousas cambiaban non xa día a día, senón ás veces durante o mesmo día... A pesares de todo, coa inestimable e desinteresada colaboración de PDI e PAS, e un elevado nivel de compromiso e comprensión por parte do alumnado, fomos quen, entre todos, de tomar o control, continuar adiante e rematar o curso.
Xa durante o que levamos de curso 20/21 implantamos, cun elevado nivel de demanda, un Grao novo na Facultade, o primeiro dende a creación da UDC. Mantivemos durante a maior parte do cuadrimestre (o 80%) unha organización académica que garantiu un 70% de presencialidade para todos aqueles alumnos/as que quixeron aproveitalo. A pesares de todas as dificultades do momento, leváronse a cabo importantísimas melloras nas infraestruturas do centro e incorporáronse novos/as docentes que contribuirán a continuar a nosa labor académica. Neste marco, durante o que vai de curso, a situación sanitaria no colectivo da Facultade foi moi boa, cunha incidencia moi baixa da pandemia.
Cómpre, por tanto, a pesares de todo, felicitármonos polos importantes fitos obtidos en diversos ámbitos. Éxitos de todos/as, sempre en beneficio do único motivo da existencia da Universidade: proporcionar a mellor formación posible ao estudantado.
Como Decano, quero agradecer moi especialmente o colosal traballo realizado pola equipa directiva do centro (Elisa, Esther, Federico, Graciela), sen cuxo inesgotable traballo non teríamos avanzado. Compre tamén recoñecer a labor dos coordinadores de Graos (Manuel, Teresa), coordinadores de Mestrados (Carlos, Co**ha, Esperanza, Jaime, Javier, Manuel, Mónica, Soledad), Directores de Dpto. (Andrés, Luis, Óscar), Secretarios/as de Dpto. (Alatzne, Jorge, Nuria), coordinadores/as de curso, coordinadora do PAT (María José), coordinadora de UDC Saudable na Facultade (Luisa), coordinadora SICUE (Ana), e comisións delegadas da XF. Todos son excepcionais colaboradores.
Debemos agradecer tamén o traballo do persoal de empresas externas á UDC, moi especialmente o do persoal de limpeza, cuxo traballo, normalmente esquecido, se pon especialmente en valor nas circunstancias actuais.
Por último, e por suposto, a Facultade non existiría sen alumnos, cuxo comportamento ten sido, para min, exemplar no marco das dificultades que enfrontaron.
Desculpade a longura desta mensaxe, tan especial. Pasade todos/as unhas Boas Festas. Desexámosvos todo o mellor para 2021 e para o porvir.
Saúde e afouteza!
Moisés Canle
Decano