O Grupo de Investigación HISPONA xurde na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela hai xa algúns anos. Agora, comezamos unha nova andaina que nos gustaría partillar con todas e todos vós. Como o propio nome indica, o noso grupo ten dous eixos fundamentais de pescuda. Dunha banda, a historia política, entendida en senso amplo, na liña das correntes actuais da Hist
oria cultural da política, mais tamén da Historia dos partidos políticos, as institucións e os movementos sociais, incluíndo o papel dos símbolos, as representacións e as culturas e identidades políticas, e igualmente algunhas novas pescudas orientadas cara á Historia sociocultural da guerra e da violencia política. Un segundo eixe de investigacións veu determinado pola concentración nos estudos sobre os nacionalismos, identidades nacionais e rexionais, e discursos territoriais na Galicia, España e Europa contemporánea. Así, pois, o grupo posúe unha vocación interdisciplinar, sobre todo no referido ó intercambio e uso de metodoloxías e marcos teóricos adoptados doutras ciencias sociais, nomeadamente a Socioloxía, a Antropoloxía e a Ciencia Política…
A través desta canle que agora ve a luz, gustaríanos compartir xa non só as actividades e eventos organizados polo grupo, senón todos acontecementos que, dalgún ou doutro xeito, consideramos que poden ser do interese de todas e todos aqueles vencellados ó mundo da Historia.